O Pleno do Consorcio As Mariñas acorda a aprobación inicial do orzamento 2023
- 25 Mai, 23
O Consorcio As Mariñas vén de celebrar a Sesión Extraordinaria do Pleno na que estiveron presentes os alcaldes de Abegondo e presidente do Consorcio, Carral, Culleredo, as alcaldesas de Bergondo e Sada e os representantes dos concellos de Cambre e Oleiros. Nesta sesión foi aprobado inicialmente por unanimidade o orzamento do 2023 da entidade, un orzamento continuísta de algo máis de 16 millóns de euros, no que se incrementa tanto o gasto de persoal trala aprobación da Relación de Postos de Traballo recentemente aprobada coma os gastos da eliminación dos residuos pola entrada en vigor do novo imposto de vertido.
Tamén, dentro da orde do día, autorizouse a revisión de prezos, considerando o IPC xeral do ano anterior, do contrato de xestión do servizo de recollida e transporte de residuos urbanos e asimilables, revisión que supón un incremento do 6,9% respecto ao 2022.
Ademais dáse o visto bo para renovar a solicitude de subvención nominativa á Deputación Provincial da Coruña para o proxecto “Mantemento do Servizo de Asesoría Xurídica Social especializada”, un recurso especializado e supramunicipal que contribúe á resolución de conflitos xurídicos que dificultan a viabilidade dos proxectos individuais de inserción laboral.
Por outra parte foron postas enriba da mesa suxerencias dos concellos para a mellora do servizo de lacería e da limpeza dos contenedores. Nos dous casos, trasladarase ás empresas concesionarias as necesidades observadas para que establezan medidas correctoras que redunden nun mellor servizo á cidadanía.