Iniciase a terceira fase de reparto de composteiros individuais
- 01 Mar, 23
Repartiranse 1.680 unidades para uso en horta ou xardín.
Dentro das campañas de sensibilización ambiental que desenvolve o Consorcio As Mariñas, desde o mércores 1 de marzo poderá solicitarse ao ente supramunicipal a participación no programa de fomento da compostaxe domiciliaria. Esta campaña está dirixida a aquelas persoas que residan nalgún dos oito concellos que integran o Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) e que dispoñan un terreo ou xardín para o que poderán solicitar, de forma gratuíta, un composteiro que lles permita a reciclaxe de restos orgánicos para a produción de compost. Xunto ao composteiro entréganse unhas instrucións de montaxe e un manual de compostaxe doméstica con indicacións para obter un compost de calidade.
A campaña contempla tamén unha fase de seguimento, con visitas periódicas aos participantes coa finalidade de aclarar dúbidas, corrixir posibles erros, avaliar a técnica aplicada e comprobar a calidade do compost producido. Están previstas tamén formacións específicas en cada concello.
Os 1.680 composteiros individuais que se repartirán nesta fase veñen unirse aos 2.000 repartidos nas fases anteriores e que permitiron retirar do ciclo do residuo urbano unha gran cantidade de materia orgánica o que contribúe a xerar menos lixo, reducir a contaminación, promover o compost para mellorar a estrutura da terra e como fertilizante natural para plantas e concienciar á cidadanía sobre o medio ambiente e a sustentabilidade.
O compost é un produto natural que provén da descomposición da materia orgánica realizada por microorganismos (bacterias, fungos,...) e pequenos organismos (miñocas, escaravellos,...). O uso do compost está indicado como enriquecedor da terra ao devolver materia orgánica á terra e como substituto de abonos sintéticos xa que é unha fonte de nitróxeno, calcio e fósforo que mellora a estrutura da terra.
Inicialmente serán atendidas as peticións dos veciños e veciñas aos que non se puido atender a súa solicitude na fase anterior e que xa conforman unha lista de espera que excede o centenar de solicitudes e a continuación iranse atendendo o resto de peticións que se reciban ata fin de existencias.
Todas aquelas persoas interesadas en participar no programa poden inscribirse a través da web do Consorcio As Mariñas (www.consorcioam.org), cubrindo un formulario de solicitude en liña ou ben chamando ao teléfono 981 784 704.
Estas actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU a través da Orde do 30 de novembro de 2021 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Máis información: 981 784 704 Departamento de Medio Ambiente. Consorcio As Mariñas.