Con motivo do festivo do mércores 15 de agosto o Consorcio As Mariñas informa que se realizará a recollida extraordinaria de domingos e festivos, reforzándose o servizo con oito rutas de recollida de lixo e unha ruta de recollida selectiva de papel, coa finalidade de ofrecer unha mellor imaxe e evitar, na medida do posible, a acumulación de lixo nos colectores.
O xoves 16 de agosto o servizo se prestará do xeito habitual.
Os puntos limpos do Consorcio As Mariñas pecharán o mércores 15 e o xoves 16 de agosto.
Agradecemos a colaboración da cidadanía no respecto do horario de depósito nos colectores (a partir das 22.00 horas) evitando deixar bolsas ou outros materiais arredor dos colectores. A recollida de enseres e voluminosos mantense previa chamada ao 981795524.
Os meses de verán son a época do ano na que mais residuos xeramos no territorio do Consorcio As Mariñas como consecuencia do aumento da poboación na maioría dos concellos. Co compromiso medioambiental e a responsabilidade do Consorcio As Mariñas como entidade que xestiona o servizo público de recollida selectiva dos residuos urbanos e asimilables, o seu transporte conxunto e tratamento, a cidadanía pode e debe desfrutar destas datas.
O Consorcio As Mariñas ven de recibir o recoñecemento da Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y el Medio Ambiente (ATEGRUS) pola innovación no servizo de recollida de lixo coa posta en marcha da Brigada Cívica, que ten, entre as súas labores, a información e sensibilización á veciñanza sobre a recollida de residuos e o medio ambiente.
O galardón recibido, a "Escoba de Oro", foi recollido en Madrid por Alejandra Pérez e Miguel Sandar, vicepresidenta e xerente, respectivamente, do Consorcio As Mariñas.